Entrega de premios do concurso de debuxo de Anedia
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, entregou este mércores os premios aos gañadores do concurso de debuxo organizado no marco das actividades de formación sobre a diabete, nas que contou coa colaboración da asociación Anedia.
Os seis gañadores (dous por cada ciclo de Ensino Primario) foron elixidos entre os preto de 100 debuxos que se presentaron ao concurso e que participaron na exposición "Diabete e Deporte", que acolleu o vestíbulo da Casa do Concello durante as últimas semanas.
No segundo ciclo os elixidos foron Belén Dasilva e Diego Cuerdo (CEIP Marcón). Finalmente, no terceiro ciclo, Laura Suárez (CEIP de Xeve) e Dinke Suárez (de Marcón). Todos eles recibiron cheques-regalo para material deportivo.
Agustín Fernández agradeceu á asociación Anedia a súa colaboración nesta iniciativa, que tivo como dobre obxectivo sensibilizar á comunidade docente sobre as necesidades especiais dos alumnos diabéticos e tamén mellorar a comprensión desta enfermidade entre os propios rapaces.
Xunto co concelleiro estiveron hoxe Silvia Puga (vicepresidenta de Anedia) e Diego Castro (vogal de Deportes). Silvia subliñou a importancia de traballar cos colexios, chegando ás ANPA, aos comedores e ás actividades extraescolares. Engadiu que aínda que hai colexios que non teñen alumnos diabéticos, poden telo en calquera momento e deben estar preparados. Diego Castro amosou a súa satisfacción pola concienciación acadada entre os rapaces sobre a importancia dunha boa alimentación.
Ir ao enlace: www.pontevedra.gal
Ir ao enlace: www.pontevedraviva.com
Ir ao enlace: www.farodevigo.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario