xoves, 4 de febreiro de 2016

VISITAMOS CORUÑA



21 DE FEBREIRO

DE MUSEOS CON  ANEDIA E ASSEII






Este novo ano, iniciamos un camiño de colaboración con outras entidades, xa que creemos que xuntos pensamos e traballamos mellor. 
ASSEII, asociación socio sanitaria educativa inflamatoria intestinal, e nós organizamos unha xornada na cidade da Coruña.
Continuando no estilo de ANEDIA, de facilitar a convivencia en familia, propómosvos unha actividade cultural e de lecer, que pode ser do agrado de todos e todas. 




PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES

12:00 hora de entrada á visita ao Muncyt Coruña.
Desafio MUNCYT (1h 30 min)
Percorreremos o museo a través dunha serie de retos e actividades onde, co apoio dos divulgadores, iremos descubrindo por ns mesmos cousas abraiantes que agochan as exposicions.

13:45 Picnic, no MUNCYT (hai máquina de bebidas)

14:30 Domus: Salas de Exposicións, actividades dirixidas por ANEDIA e ASSEII

  • Os nenos e nenas disporán de tempo para relacionarse, xogar, falar, e visitar o museo.
  • Os adultos, aproveitaremos, para pornos ao día, compartiremos experiencias e afondaremos no traballo das nosas asociacións e no que podemos aportarlles. 

16:00 Entrada Aquarium Finisterrae
16:30 Visita guiada
17:00 Alimentación de focas
19:00 Obradoiro infantil "Tabeirons e Raias" (para os que continúen a esa hora)





 Forma de inscripción

Esta actividade ten un número máximo de participantes, limitado polo aforo dos museos.
Inscríbete a través do correo electrónico:

  • anediagalicia@gmail.com 
  • digestivo.pontevedra@gmailcom

A inscrición pecharase ás 24:00 do mércores 17 de febreiro,
O xóves 18 enviaremos un correo coa confirmación dos inscritos, por rigurosa orde de inscripciçon.

Terán prioridade os socios de ANEDIA e ASSEII
Apúntate xa, agardámoste o día 21.

sábado, 16 de xaneiro de 2016

CONCURSO "Venres Azuis"



 

 

Bases do concurso 

“Venres Azuis”. 

1. ANEDIA celebrará, ao longo do 2016, un concurso cada trimestre que se titulará “Venres Azuis”. Para participar no concurso haberá que cumprir os seguintes requisitos: 
a. Ser socio de ANEDIA. 
b. Mandar unha fotografía, ilustración ou debuxo dentro do prazo indicado coa temática “diabete” e con predominio de cor azul no mesmo. 
c. Máximo de 10 envíos por socio cada trimestre. 
d. Ceder os dereitos de autor e imaxe da fotografía ou ilustración, coa única finalidade de que ANEDIA poida publicala nas súas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram e blogue), en prol dos obxectivos de ANEDIA. 

2. ¿Cales son as datas dos catro concursos? 
a. Primeiro trimestre: 16 de Xaneiro – 31 de Marzo 
b. Segundo trimestre: 1 de Abril – 30 de Xuño 
c. Terceiro trimestre: 1 de Xullo – 30 de Setembro 
d. Cuarto trimestre: 1 de Outubro – 31 de Decembro 

3. ¿Onde envío as miñas imaxes? 
a. Soamente serán válidas as entregadas no correo electrónico da asociación, co asunto CONCURSO VENRES AZUIS.
b. En cada email poderase enviar máis de unha imaxe, debe figurar o nome e apelidos do socio. 
c. Lembra, 10 imaxes como máximo cada trimestre por cada socio. 

4. ¿Como sei se vou gañar? 
a. Se a túa imaxe é publicada nas redes sociais calquera dos 12 venres de cada trimestre, entrará na fase final. 
b. É obvio que cantas máis imaxes mandemos máis posibilidades teremos de que a nosa imaxe chegue á fase final. 

5. ¿Que é a fase final? 
a. Comezará inmediatamente despois do final de cada trimestre. Durará dende o día 1 ata o día 7 ás 23:59 horas de abril, xullo, outubro e xaneiro, segundo corresponda.
b. Na fase final crearase un álbum na páxina de Facebook de ANEDIA, onde se incluirán ás 12 imaxes participantes. 
c. Premiarase á fotografía que máis “me gusta” teña ao final da votación dentro do álbum creado por ANEDIA.  (Tamén valen calquera das novas interaccións como “me encanta”, etc.) 
d. Podedes compartila cos vosos amigos para acadar máis repercusión. 

6. ¿E que vou gañar? 
a. A imaxe con máis “me gusta” acadados levarase un bono “Spa Bienestar Moaña” para dúas persoas.
b. O bono permite o uso do circuito Termal Spa

Coa colaboración do  Spa Bienestar Moaña


martes, 5 de xaneiro de 2016

Cabalgata de Reis 2016

Na cabalgata serán todos sen glute, pero terán azucre. Xa chegan os Reis!! e este ano traen caramelos sen azucre en Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Pobra do Caramiñal... e ANEDIA estalle moi agradecida e así llo fixo saber no Pazo de Mugartegui en Pontevedra.







Por primeira vez e grazas á petición que os nosos nenos/as lle fixeron ao alcalde de Pontevedra e ao ben facer deste concello, todos os caramelos que os Reis Magos van repartir no Pazo de Mugartegui o día 5 de xaneiro van ser SEN AZUCRE.
Gozade nenos/as que isto é por e para vós.


Xa chegan os Reis en Vigo

Xa chegan os Reis a Ourense

Xa chegan os Reis a Pobra do Caramiñal


venres, 11 de decembro de 2015

Xornada de convivencia

A asociación de nenos e nenas con diabetes de Galicia (ANEDIA) convoca o domingo día 13 unha xornada de deporte, cultura e convivencia para toda a familia no Concello de Silleda, á que está invitada a sociedade en xeral para conmemorar o primeiro mes da publicación do Protocolo de Atención ao Alumnado con Diabete que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria lle presentou á Xunta Directiva da Asociación o pasado 13 de Novembro.
Anedia continúa co seu programa de actividades para a sensibilización e concienciación social en relación coa diabetes en idade infantil e este domingo ten organizada unha convivencia familiar que inclúe diversas actividades nos concellos de Silleda e Vila de Cruces que fomentarán a convivencia de nenos e adultos con diabetes e sen ela.
A cita será ás 11.00 horas no Mosteiro do Carboeiro en Silleda, terá una duración aproximada de oito horas e está pensada para un nivel de esixencia baixo ou medio segundo a elección dos participantes. 
Contará co asesoramento do deportista pontevedrés Diego Castro, coa colaboración do Concello de Silleda e cos guías turísticos do Mosteiro do Carboeiro.

A actividade está estruturada coas seguintes actividades: 
1. Faremos dúas rotas de sendeirismo, adaptada a todas as idades:
- Rota de 3 km pola mañán: (11:00 a 12:15). Ao redor do mosteiro de Carboeiro. Ida e volta dende o mosteiro. Adaptada para maiores de 4 anos. Máis información en: http://www.areasantiago.es/senderos-mcs/senda-botanica-de-carboeirohttp://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2015/01/02/mosteiro-carboeiro-tera-primeira-senda-botanica-silleda/0003_201501D2C79910.htm
- Rota de 13 km pola tarde: (15:00 a 18:30) Saída do mosteiro de Carboeiro. Percorreremos a naturaleza ó redor do río Deza. Farase unha parada no medio do camiño. Chegaremos ata a fervenza máis alta de Galicia, (Fervenza do Toxa) e subiremos ó seu mirador. Logo voltaremos ó mosteiro. Dificultade media. Máis información en http://www.turismosilleda.es/sende_dodeza.php
Para as rotas, recomendarase vestuario axeitado, calzado cómodo e adaptado a monte, abrigo e roupa para mudarse no coche (unha toalla, calcetíns, etc). Débese levar auga e alimento lixeiro no que estimemos necesario, son 3 horas e media camiñando. É importante ter en conta para as persoas con diabete que imos en horario de insulina no corpo: non recomendamos pinchazos nas pernas.
2. Aqueles que non se vexen con capacidade para realizar esta segundo rota cabe a posibilidade de que realicen unha visita guiada polo Mosteiro da man de guías expertos e adaptada para todos os públicos (O mosteiro de Carboeiro está considerado unha das mellores mostras de arquitectura medieval de Galicia. Descubre máis de 1000 anos do noso pasado apalpando as súas pedras, pisando as sendas que outrora utilizaron monxes, campesiños e peregrinos camiño de Santiago. Descubre como foi construído o mosteiro de Carboeiro, como vivían os seus moradores, que papel tiveron na nosa historia e, sobre todo, goza con nós da visita e do noso patrimonio. http://www.turismosilleda.es/carboeiro.php3. 
3. Ademáis, antes da comida faremos unha charla informativa sobre contaxe de hidratos nas comidas fóra da casa, excursións, campamentos, etc. Impartida por Diego Castro e dunha duración aproximada de 50 minutos. Será de 12:30 a 13:20.4. 
4. O xantar será nas proximidades da área recreativa A Carixa no concello de Vila de Cruces. 
A actividade está aberta a todo o público pero precisa confirmación das persoas que van acudir a cada unha das actividades, co fin de realizar as reservas oportunas, en anediagalicia@gmail.com

luns, 16 de novembro de 2015

Protocolo de atención ao alumnado con diabete

O pasado venres día 13 de novembro de 2015 (vísperas do Día Mundial da Diabete) nunha reunión co Conselleiro de Educación de Ordenación e Universitaria da Xunta de Galicia, foille presentado á directiva de ANEDIA o Protocolo de Atención ao Alumnado con Diabete que redactou a citada Consellería coa colaboración da Consellería de Sanidade e de pais e nais de nenos/as con diabete
Así xa dende ese mesmo venres está publicado na páxina web da consellería o PROTOCOLO DE ATENCIÓN AO ALUMNADO CON DIABETE como unha ADDENDA ao Protocolo de Urxencias Sanitarias.
Podedes consultalo na seguinte ligazón:
Grazas a todos os que coa vosa axuda, colaboración e implicación fixestes posible este protocolo que significa un paso adiante moi importante na nosa loita.




domingo, 15 de novembro de 2015

Día Mundial da Diabete 2015

A Asociación está moi satisfeita cos actos que realizamos este ano para conmemorar o Día Mundial da Diabetes 2015. A charla informativa dirixida a persoas con diabetes ou coidadores/as das mesmas foi un éxito de participación ao igual que o concerto da  banda de música infantil de Campo Lameiro e o posterior encendido do Concello e da Deputación Provinvial de Pontevedra en azul co toque musical do grupo Madia Leva ao que acudiron representantes da vida política, social e culturala da cidade: a Xefa Territorial de Sanidade, o alcalde de Pontevedra, a concelleira de educación e benestar social, a concelleira de deportes, representantes do partido político da oposición (Jacobo Moreira, María José…), representantes do SOS sanidade pública, representantes do CHOP, etc.

A actividade semanal cos comedores escolares de toda Galicia (Pontevedra, Vigo e A Coruña) en colaboración con Serunión e coas asociación e federacións dde pais e nais das distintas localidades, tamén foi un éxito xa que conseguimos darlle unhas nocións básicas sobre diabete infantil dende unha perspectiva lúdica e práctica (con xogos, manualidades, talleres…) a estudantes de educación infantil e primaria de máis de 70 centros educativos.

Pero sen lugar a dúbidas o maior éxito foi o da milla pola diabete do 14 de novembro que inundou a zona da praza de España e Montero Ríos dunha riada de cativos, pais, nais, avós…  que practicaron deporte, merendaron saudable e pasaron unha tarde entretida en familia. Non temos datos oficiais aínda pero as inscricións pecháranse xa o mércores con 630 inscritos pero os menores de 16 podía anotarse o mesmo día ou os días anterior por correo electrónico e “esgotamos os dorsais e as bolsas de abituallamento” xa que alomenos 200 cativos se anotaron no mesmo día.
O acto rematou ao redor das 8:00 da noite coa entrega de medallas da man da concelleira de deportes Anxos Riveiro, os atletas profesionais Solange Pereira e Carlos de la torre e a deputada provincial Digna Rivas; e cun toque musical do Gaiteiros das Rías Baixas. O sorteo de todos os premios aos dorsais non o puidemos realizar in situ na súa totalidade (xa que tiñamos moitos agasallos debido á gran implicación das empresas da cidade: Campaniola, Rías Bajas, Bagos, Cafetín, Lilium, Chema Sport….) así que realizarémolo a través da nosa páxina de Facebook nos vindeiros días e poñerémonos en contacto cos agraciados para facerlle entrega dos mesmos.

Pero todo decorreu sen incidencias, de tal xeito que as enfermeiras, médico, ambulancia, policía local e protección civil se limitaron a vixiar o percorrido e a agardar as incidencias que nunca chegaron.
ANEDIA agradece enormente a participación e colaboración de sociedade en xeral, voluntarios, colaboradores… que conseguiron que  conseguiron un éxito tan rotundo da I Milla pola Diabete.
E todo isto sen esquecer que o venres ás 16:30 o concelleiro de Educación Román Rodríguez veu a Pontevedra a presentarnos o xa publicado ese mesmo día Protocola para a actuación con alumnado con diabete nos centros educativos que a nosa asociación reclamaba con todos este actos.

Estamos moi satisfeitos e moi agradecidos a todos aqueles que fixeron posible todas estas actividades e consecuencias: Concello de Pontevedra, CHOP, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Deputación Provincial de Pontevedra, Setga, Pic, Viaqua, Spa Bienestar Moaña, Hotel Rías Bajas, Hotel Campaniola, Viñoteca Bagos, Restaurate Cafetín, Lilium, Chema sport, Piñeiro Runningo, Mercaplaza, Consorcio agroalimentario de Galicia, Librería Paz, Librería Cronopios, Foot on Mar, Pontevedrfutbol, Goleada, Centro Comercial Urbano, Atmósfera Sport, Los sueños de Ale y Patt, Prosaga, Froiz, Dibay, etc. e por suposto a todos os nosos asociados e voluntarios.

Cando un neno/a ten diabete pasa por moita situacións nas que se sinte diferente aos demais, cousas da vida cotiá que os pais tratamos de que acepten con naturalidade porque é algo que os vai acompañar toda a súa vida. Así, o neno/a con diabete debe medir a súa glicosa, debe de inxectarse insulina, debe  tomar determinadas racións de hidratos de carbono e ademais todo isto débeo facer en momentos concretos, aínda que estea no colexio, no parque, no aniversario dun amigo ou nun partido de fútbol. E ESTES DÍAS CON TODOS ESTES ACTOS CELEBRAMOS O SEU DÍA, A NOSA SOCIEDADE PENSOU NELES, FALOU DELES E FIXO QUE NÓS, COMO PAIS E NAIS, NOS SIGAMO SENTINDO CADA DÍAS MÁIS ORGULLOSOS DOS NOSOS “DOCES GUERREIROS”.
Porque isto todo é por e para eles, para que teñan unha vida plena e feliz cos mesmos dereitos e oportunidades, unha “vida normal”.

GRAZAS, GRAZAS, GRAZAS.