mércores, 11 de marzo de 2015

Charla de ANEDIA no colexio CEIP de Ponte Sampaio

Charla de Anedia sobre nutrición, deporte e diabete no colexio de Ponte Sampaio



Os escolares do colexio de Ponte Sampaio recibiron este martes formación sobre o deporte, a nutrición e a súa importancia no coidado da diabete e no mantemento dun estado óptimo de saúde. Formaron parte da primeira das charlas do ciclo promovido pola asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia (ANEDIA) e a Concellaría de Educación e Deportes do Concello de Pontevedra.

Todo o alumnado de Primaria do CEIP de Ponte Sampaio participou nesta actividade a través de tres charlas diferentes programadas a partir das nove e media da mañá e cunha duración aproximada duns 50 minutos.

A actividade correu a cargo de dous relatores, o atleta profesional Diego Castro, con diabete dende neno, técnico de animación sociocultural con experiencia no coidado de nenos e nenas con diabete e discapacidade motora e con formación específica en nutrición; e Mar Fontán, paciente experta en diabete do Sistema Galego de Saúde (Sergas) e nai dunha nena con diabete dende hai nove anos.

A través desta acción formativa, Anedia pretende dotar ao alumnado e profesorado dos coñecementos necesarios que permitan a integración en igualdade dos escolares con diabete, ao tempo que proporcionan a toda a comunidade educativa coñecementos básicos sobre diabete, deporte, alimentación e hábitos de vida saudables. Todo a través dunha charla que se desenvolve cunha metodoloxía didáctica, práctica e lúdica coa que se formen mentres conversan, observan e manipulan.

Ademais, como parte da programación da charla ‘Diabete, deporte e nutrición’, Anedia e a Concellaría de Educación e Deportes ofertan aos centros escolares a participación nun concurso escolar de debuxo titulado Diabete e Deporte, no que poderá participar todo o alumnado do centro educativo que reciba a formación en catro categorías diferentes: primeiro ciclo de Primaria, segundo ciclo de Primaria e terceiro ciclo de Primaria e Secundaria.

O premio será un cheque regalo de 50 e de 30 euros en material deportivo para o primeiro e segundo clasificado de cada categoría e haberá un agasallo especial para o centro educativo con máis porcentaxe de participantes; así como material bibliográfico específico de diabete para nenos a disposición de todas as bibliotecas escolares.

Ao longo dos días seguintes, estas charlas chegarán a centros de todo o municipio ata finalizar o 25 de marzo no CEIP de Xeve


Ir ao enlace: www.pontevedraviva.com
Ir ao enlace: www.lavozdegalicia.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario