xoves, 6 de novembro de 2014

Animan a inundar Pontevedra cunha "MAREA AZUL" contra a diabete



Que a diabete non te pare. É o lema escollido este ano para a celebración do Día Mundial da Diabete, que se celebrará o próximo 14 de novembro. En Pontevedra, será a asociación Anedia, creada hai dous anos e centrada na prevención e atención de nenos e nenas con diabete, a que coordine unha serie de actividades coas que se pretende concienciar á cidadanía sobre esta enfermidade.

Segundo avanzou a presidenta deste colectivo, Ana Pérez, a reivindicación deste ano está dirixida á Xunta de Galicia, para que cre un protocolo de atención a escolares con diabete, do mesmo xeito que existe noutras comunidades autónomas. Asegurou que é unha “necesidade” para os nenos, as súas familias e os propios docentes, para que os afectados por esta enfermidade “poidan ir a clase con tranquilidade” e a diabete “non sexa unha carga para eles”.

Ana Pérez explicou que os nenos con diabetes, por norma xeral, deben medirse os niveis de azucre antes e logo de cada comida para controlar a enfermidade e previr posibles hipoglucemias (baixadas de azucre). Algo que, moitos deles, realizan coa axuda dos profesores porque “ou non teñen autonomía ou non saben interpretar os números”.

Ademais, non é aconsellable que realicen exercicio físico a primeira hora da mañá e a súa condición debe terse en conta á hora de organizar excursións ou saídas fóra do colexio. A todo iso axudaría a existencia deste protocolo, que tería en conta as necesidades destes nenos, máis dun cento en Pontevedra segundo Sanidade, e establecería como se debe actuar mentres os nenos estean na súa xornada escolar.

As actividades en Pontevedra do Día Mundial da Diabetes comezarán o xoves 13 de novembro. Ás 18.30 horas, terá lugar un percorrido turístico pola zona monumental da cidade, entre A Ferrería e a Praza de España. Alí, ás 20.00 horas, iluminarase a vella Casa Consistorial de azul, a cor que identifica á diabete. O día finalizará cunha actuación musical a cargo das Chaneiras, un grupo de cantareiras de Marín.

O acto principal celebrarase o venres 14. Será unha carreira solidaria e non competitiva, unha ‘milla pola diabete’ que percorrerá rúas e prazas da zona monumental. Actualmente xa hai 200 inscritos e contarán co apoio, entre outros, de Víctor Riobó, os clubs deportivos da cidade e varios atletas que desenvolven unha exitosa carreira deportiva malia a súa diabete. Os interesados en participar poden apuntarse en www.queadiabetenontepare.ga.

Xa o sábado 15, a Casa Azul acollerá ás 12.00 horas un obradoiro de meriendas saudables, no que se darán pautas para mellorar a alimentación dos nenos con esta enfermidade; e ás 18.00 horas pechará esta programación o espectáculo teatral Os Super Galácticos, destinado a un público familiar. Será no Centro Socio-Cultural do Gorgullón.

Durante estes tres días, varios restaurantes da cidade ofrecerán menús cos que contar hidratos. Serán Vagos, Meigas Fóra e o Hotel Rúas, algúns dos cales estudarán mantelos tras esta celebración.

FONTE: Pontevedraviva.com


Ningún comentario:

Publicar un comentario