xoves, 6 de novembro de 2014

Animan a inundar Pontevedra cunha "MAREA AZUL" contra a diabete



Que a diabete non te pare. É o lema escollido este ano para a celebración do Día Mundial da Diabete, que se celebrará o próximo 14 de novembro. En Pontevedra, será a asociación Anedia, creada hai dous anos e centrada na prevención e atención de nenos e nenas con diabete, a que coordine unha serie de actividades coas que se pretende concienciar á cidadanía sobre esta enfermidade.

Segundo avanzou a presidenta deste colectivo, Ana Pérez, a reivindicación deste ano está dirixida á Xunta de Galicia, para que cre un protocolo de atención a escolares con diabete, do mesmo xeito que existe noutras comunidades autónomas. Asegurou que é unha “necesidade” para os nenos, as súas familias e os propios docentes, para que os afectados por esta enfermidade “poidan ir a clase con tranquilidade” e a diabete “non sexa unha carga para eles”.

Ana Pérez explicou que os nenos con diabetes, por norma xeral, deben medirse os niveis de azucre antes e logo de cada comida para controlar a enfermidade e previr posibles hipoglucemias (baixadas de azucre). Algo que, moitos deles, realizan coa axuda dos profesores porque “ou non teñen autonomía ou non saben interpretar os números”.

Ademais, non é aconsellable que realicen exercicio físico a primeira hora da mañá e a súa condición debe terse en conta á hora de organizar excursións ou saídas fóra do colexio. A todo iso axudaría a existencia deste protocolo, que tería en conta as necesidades destes nenos, máis dun cento en Pontevedra segundo Sanidade, e establecería como se debe actuar mentres os nenos estean na súa xornada escolar.

As actividades en Pontevedra do Día Mundial da Diabetes comezarán o xoves 13 de novembro. Ás 18.30 horas, terá lugar un percorrido turístico pola zona monumental da cidade, entre A Ferrería e a Praza de España. Alí, ás 20.00 horas, iluminarase a vella Casa Consistorial de azul, a cor que identifica á diabete. O día finalizará cunha actuación musical a cargo das Chaneiras, un grupo de cantareiras de Marín.

O acto principal celebrarase o venres 14. Será unha carreira solidaria e non competitiva, unha ‘milla pola diabete’ que percorrerá rúas e prazas da zona monumental. Actualmente xa hai 200 inscritos e contarán co apoio, entre outros, de Víctor Riobó, os clubs deportivos da cidade e varios atletas que desenvolven unha exitosa carreira deportiva malia a súa diabete. Os interesados en participar poden apuntarse en www.queadiabetenontepare.ga.

Xa o sábado 15, a Casa Azul acollerá ás 12.00 horas un obradoiro de meriendas saudables, no que se darán pautas para mellorar a alimentación dos nenos con esta enfermidade; e ás 18.00 horas pechará esta programación o espectáculo teatral Os Super Galácticos, destinado a un público familiar. Será no Centro Socio-Cultural do Gorgullón.

Durante estes tres días, varios restaurantes da cidade ofrecerán menús cos que contar hidratos. Serán Vagos, Meigas Fóra e o Hotel Rúas, algúns dos cales estudarán mantelos tras esta celebración.

FONTE: Pontevedraviva.com


domingo, 2 de novembro de 2014

Que a Diabete non te pare!

 Que a diabete non 

 te pare! 

 I Carreira Solidaria por un protocolo en educación. 


Xa podes inscribirte na I Carreira Solidaria por un protocolo no ensino, actividade organizada por ANEDIA no Día Mundial da Diabete.

INSCRIBITE premendo: Que a diabete non te pare!

Ao participar estarás colaborando na petición á Consellería de Educación para que elabore un protocolo de atención a escolares con diabete. Deste xeito cubriríase por fin, o baleiro no que nos atopamos, xa que non se lle asigna a ninguén a responsabilidade da atención diabetolóxica aos nosos pequenos e pequenas. Actualmente está cuberta a atención en caso de hipoglicemia severa, por medio do programa alerta escolar. O día a día destes pequenos, a realización e/ou supervisión dos controis glicémicos, a administración de insulina, entre outros aspectos, está sendo asumido de forma voluntaria por docentes e coidadores. Estamos moi agradecidos a esa boa vontade, que permite aos pequenos e pequenas ir ao colexio con normalidade, entre todos podemos conseguir que o protocolo sexa unha realidade. Premios: non hai, gañan os pequenos e pequenas con diabete. Aínda así haberá sorteos ao final da carreira co número de dorsal.

venres, 31 de outubro de 2014

ANEDIA prepara o Día Mundial da Diabete




Anedia organiza unha serie de actividades en Pontevedra do 13 ó 15 de novembro co gallo do Día Mundial da Diabete. O obxetivo é reclamar a elaboración dun protocolo de actuación ós alumnos/as con diabete nos centros educativos de Galicia.

Programa:

13 de novembro:
- Ruta turística guiada polo casco histórico de Pontevedra a partires das 18.30. A saída vai ser dende a Praza da Ferrería e rematará diante do Concello de Pontevedra
- Encendido en azul da Casa Consistorial de Pontevedra e lectura do manifesto da FEDE para o acto.

14 de novembro: Carreira solidaria polo casco histórico de Pontevedra: – Para todas as idades – Saída do Concello ás 18:00 h – Percorrido de kilómetro e medio, aproximadamente – Regalo de camisetas co lema ‘Que a Diabete non te pare’ e bolsas con froita e auga. – Sorteo de agasallos

15 de novembro: – Obradoiro de merenda saúdable e divertida ás 12.00 h na Sala Valdecorvos da Casa Azul, Pontevedra. – ‘Super Galacticos’, espectáculo teatral para as familias, ás 18.00 h no Centro Sociocultural Gorgullón. Patrocinio do Concello de Pontevedra, Visit Pontevedra, Viaqua, Pic Solution e Prosaga. Segue o evento desde o FACEBOOK:ACTIVIDADES DÍA MUNDIAS DA DIABETE 2014


luns, 20 de outubro de 2014

Educación estuda un Protocolo para atender a alumnados diabéticos




A medida foi formulada pola asociación ANEDIA e a federación galega

A Consellería de Educación está a estudar a elaboración dun protocolo para a atención do alumnado con diabete. A iniciativa partiu hai un ano da Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA), con sede en Pontevedra, e conta co respaldo e a colaboración da Federación Galega de Asociacións de Diabéticos (Fegadi).

Un voceiro do departamento que dirixe Jesús Vázquez indicou que xa se celebraron varias «reunións exploratorias» e que a consellería é «moi sensible» a este tipo de demandas. Dende Educación non se aventuraron a poñer prazos para a aprobación do protocolo, que sería o terceiro específico co que contaría a comunidade autónoma. Si apuntaron que se está a traballar de forma coordinada coa Consellería de Sanidade, e tendo en conta as achegas de diversos colectivos e axentes implicados.
Para ANEDIA, a aprobación e aplicación deste protocolo integral para a atención de menores con diabete nas aulas é unha «prioridade». Precisamente, esta é unha das cuestións que figuraban na orde do día da asemblea que Fegadi celebrou onte en Santiago, e á que asitieron membros da asociación pontevedresa.

O que se busca co protocolo é fixar unha lista de medidas para saber que é o que hai que ter en conta cando nunha clase hai alumnos con esta enfermidade. A diabete tipo I é unha doenza crónica que non impide ao neno o normal desenvolvemento de ningunha das actividades, tanto escolares coma extraescolares, que se realizan no centro. Pero si se necesita un mínimo de coñecementos por parte do claustro para atender as súas necesidades.

Dende ANEDIA aluden a como actuar ante unha crise de hiperglicemia ou hipoglicemia, como e cando hai que facer os controis de glicemia, ou como afectan as saídas extraescolares a estes nenos. A asociación que preside Ana Pérez apuntou que unha das dificultades que ve a Administración para avanzar na elaboración do protocolo é coñecer o número de alumnos que están afectados por esta doenza en Galicia. Algo que o colectivo considera que si se podería saber cunha marxe de erro «mínima», polo menos no caso dos colexios e institutos públicos. Na área sanitaria de Pontevedra estiman que hai un centenar de estudantes en idade pediátrica con diabete.

O que formulou ANEDIA ás catro xefaturas territoriais de Educación é que o reconto corresponda a cada inspector de zona, que podería remitir un correo electrónico aos centros que ten asignados. Normalmente, as familias que teñen un fillo con diabete comunícano ao inicio do curso escolar, achegando un informe médico. O colectivo cre que o erro pode ser do 1% porque algúns pais poden ocultalo ou pode haber algún caso onde a enfermidade estea nos seus inicios e non estea aínda diagnosticada.

O ano pasado, ANEDIA centrou parte da súa actividade en reclamar a Administración formación sobre diabete para o profesorado. Aínda que foi un primeiro paso, considera que a resposta foi insuficiente. Segundo indicou a súa presidenta, só houbo un curso en Galicia para 50 docentes e no terceiro trimestre.

FONTE: La Voz de Galicia


mércores, 15 de outubro de 2014

Xornadas de Atención a alumnados Diabete e primeiros auxilios




Xornadas de de Atención a Alumnado diabate e primeiros auxilios, organiza o CFR de Vigo para as mestras e mestres.

Título
ATENCIÓN A ALUMNADO CON DIABETE E PRIMEIROS AUXILIOS
Área
Temas transversais
Forma de participación
Presencial
Modalidade
Xornadas
CFR, lugar, temporalización e prazas
Referencia: V1402017
Centro de formación e recursos: Vigo
Temporalización: 06/11/2014 – 13/11/2014
Data límite de inscrición: 20/10/2014
Lugar: CFR DE VIGO
Prazas: 20
Horas totais
Horas presenciais: 12 Horas non presenciais: 0
Destinatarios
Todas as ensinanzas
Corpos e especialidades
Todos os corpos
Criterios de selección
criterios xerais do plan anual de formación.
Obxectivos
  1. Mellorar o coñecemento da Diabetes Mellitus, saber como actuar ante una urxencia nun alumno diabético.
  2. Difundir as técnicas de resucitación cardiopulmonar básica.
  3. Difundir as normas e as técnicas de actuación na atención ao alumnado nas principais situacións de urxencia nas aulas.
Contidos
  1. Normas e técnicas de actuación na atención ao alumno diabético,alérxico,epiléptico nas aulas.
  2. Saber recoñecer a parada cardiorrespiratoria.
  3. Técnicas e habilidades necesarias no manexo de situacions de urxencia na escola: primeros auxilios.
Asesor responsable da actividade
Asesor: LIMA MONTENEGRO, ENCARNACIÓN
Enderezo Electrónico: sinfonia40@edu.xunta.es