mércores, 1 de xullo de 2020

MATRÍCULA NOS CENTROS EDUCATIVOS

Do 1 ao 10 de Xullo é o prazo para a formalización da matrícula nos centros educativos.

Aconsellamos a todas as familias que soliciten praza para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (n.e.a.e.)

Este tipo de prazas implica un recoñecemento das necesidades derivadas da diabetes, e non significa que este apoio educativo sexa un problema de aprendizaxe, senón ter en conta as súas necesidades no seu día a día na escola.

Aínda non está establecido como vai ser a volta ao cole en setembro, pero este tipo de prazas é unha ferramenta que está a disposición do alumnado, a súa definición ven na páxina de Educación:

Alumnado con necesidade específica de apoio educativo

Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

As condicións persoais que implican ter diabetes fai que teñan dereito a este tipo de praza.

Tamén recordade que para todos o alumnado con diabetes, aínda que non vos toque facer a matrícula este ano, tedes que ter en marcha:


·                👉 Alta no programa de ALERTA ESCOLAR.

·                 👉 Addenda de diabete / Protocolo de Atención a crónicos e urxencias sanitarias.

·                 👉 Plan individualizado de atención


Lembrade que o glucagón debe estar nunha neveira no cole (o cole pode solicitala senón a ten) dispoñible en todo momento.

Na maioría dos centros educativos a colaboración é total, e existen pequenas cousas que nos poden facilitar a vida como adaptar as horas de educación física da aula para que non coincidan con horas de insulina activa. En setembro pode ser máis difícil de adaptar, pero se o pedides agora é posible.

A nosa recomendación e falar cas direccións e o departamento de orientación do centro o máis axiña posible para plantexar a elaboración do plan individualizado con tempo e sen agobios.

Se as familias ou os centros educativos precisades axuda  estamos á vosa disposición.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario