xoves, 25 de decembro de 2014

O Apalpador visitará a Casa Azul para concienciar sobre a diabete infantil




O apalpador, personaxe que segundo a mitoloxía galega visitaba aos nenos por Nadal e Fin de Ano para apalparlles a barriga e saber se estaban ben alimentados, visitará este ano a Casa Azul da man da Asociación de Nenas e Nenos con Diabete de Galicia (Anedia).

A visita será o martes 30 de decembro pola tarde e forma parte da programación da actividades realizada por Anedia na recta final do ano para seguir a reinvidicar maior conciencia sobre a diabete en idade infantil e reclamar da Xunta un protocolo de atención para escolares con diabete.

Ese mesmo día 30, antes da visita do apalpador, celebrarase na Casa Azul un obradoiro de galletas de Nadal que xa cubriu todas as prazas dispoñibles no período de inscrición previa. Os cativos converteranse en reposteiros durante unhas horas para facer unhas galletas saudables, con baixos niveis de azucre.

Este ano Anedia tamén participará na carreira San Silvestre organizada pola Sociedade Ximnástica e aproveitará a última proba deportiva do ano para seguir coas súas reivindicacións. O mercores 31 de decembro, antes da proba, procederase á lectura dun comunicado no que Anedia exporá a necesidade de que a Xunta aprobe canto antes un protocolo para que os nenos con diabete poidan ter a atención adecuada nos centros educativos.

Esta mesma reivindicación xa a pediu o 14 de novembro con motivo da carreira popular organizada no Día Mundial da Diabete polas rúas de Pontevedra e nesta ocasión dende a asociación porán á venda camisetas alusivas a esta petición e gorros de Papá Noel azuis -a cor da loita contra a diabete- para que os participantes que o desexen poidan formar unha marea azul. Poderanse comprar cando recollan os dorsais da San Silvestre na praza da Verdura durante os días 27, 29 e 30 de decembro en horario de mañá e tarde o propio día da proba de mañá.

No inicio do ano 2015, o 3 de xaneiro, organizarán na Casa Azul un obradoiro de percuterapia impartido polo músico Pedro Campos Acosta. A actividade, pensada para nenos e adultos, busca mellorar a psicomotricidade, potenciar a concentración e aliviar a ansiedade mediante o ritmo musical da percusión.

Publicado por Pontevedra Viva (25/15/2014)


Ningún comentario:

Publicar un comentario