luns, 20 de outubro de 2014

Educación estuda un Protocolo para atender a alumnados diabéticos




A medida foi formulada pola asociación ANEDIA e a federación galega

A Consellería de Educación está a estudar a elaboración dun protocolo para a atención do alumnado con diabete. A iniciativa partiu hai un ano da Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA), con sede en Pontevedra, e conta co respaldo e a colaboración da Federación Galega de Asociacións de Diabéticos (Fegadi).

Un voceiro do departamento que dirixe Jesús Vázquez indicou que xa se celebraron varias «reunións exploratorias» e que a consellería é «moi sensible» a este tipo de demandas. Dende Educación non se aventuraron a poñer prazos para a aprobación do protocolo, que sería o terceiro específico co que contaría a comunidade autónoma. Si apuntaron que se está a traballar de forma coordinada coa Consellería de Sanidade, e tendo en conta as achegas de diversos colectivos e axentes implicados.
Para ANEDIA, a aprobación e aplicación deste protocolo integral para a atención de menores con diabete nas aulas é unha «prioridade». Precisamente, esta é unha das cuestións que figuraban na orde do día da asemblea que Fegadi celebrou onte en Santiago, e á que asitieron membros da asociación pontevedresa.

O que se busca co protocolo é fixar unha lista de medidas para saber que é o que hai que ter en conta cando nunha clase hai alumnos con esta enfermidade. A diabete tipo I é unha doenza crónica que non impide ao neno o normal desenvolvemento de ningunha das actividades, tanto escolares coma extraescolares, que se realizan no centro. Pero si se necesita un mínimo de coñecementos por parte do claustro para atender as súas necesidades.

Dende ANEDIA aluden a como actuar ante unha crise de hiperglicemia ou hipoglicemia, como e cando hai que facer os controis de glicemia, ou como afectan as saídas extraescolares a estes nenos. A asociación que preside Ana Pérez apuntou que unha das dificultades que ve a Administración para avanzar na elaboración do protocolo é coñecer o número de alumnos que están afectados por esta doenza en Galicia. Algo que o colectivo considera que si se podería saber cunha marxe de erro «mínima», polo menos no caso dos colexios e institutos públicos. Na área sanitaria de Pontevedra estiman que hai un centenar de estudantes en idade pediátrica con diabete.

O que formulou ANEDIA ás catro xefaturas territoriais de Educación é que o reconto corresponda a cada inspector de zona, que podería remitir un correo electrónico aos centros que ten asignados. Normalmente, as familias que teñen un fillo con diabete comunícano ao inicio do curso escolar, achegando un informe médico. O colectivo cre que o erro pode ser do 1% porque algúns pais poden ocultalo ou pode haber algún caso onde a enfermidade estea nos seus inicios e non estea aínda diagnosticada.

O ano pasado, ANEDIA centrou parte da súa actividade en reclamar a Administración formación sobre diabete para o profesorado. Aínda que foi un primeiro paso, considera que a resposta foi insuficiente. Segundo indicou a súa presidenta, só houbo un curso en Galicia para 50 docentes e no terceiro trimestre.

FONTE: La Voz de Galicia


Ningún comentario:

Publicar un comentario