venres, 30 de outubro de 2015

I Milla pola Diabete

Como vén sendo habitual ANEDIA está preparando as actividades para conmemorar o Día Mundial da Diabete o 14 de Novembro con moito empeño para que a ninguén lle pase inadvertido o día.
Unha desas actividades é a I Milla pola Diabete "Que a diabete non te pare" na que agardamos contar con todos vós.
Será o día 14 de novembro a partir das 17:00 horas na praza de España de Pontevedra.

Apuntádevos en www.millapoladiabete.com


xoves, 22 de outubro de 2015

Alerta Sanitaria

Dende a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS), chegou unha alerta sanitaria sobre a "posibilidade de obter unha lectura de glicemia erroneamente elevada coas tiras reactivas GLUCOMEN LX SENSOR".

Para máis información, poden consultar o comunicado completo na seguinte ligazón: http://www.aemps.gob.es/informa/notasInformativas/productosSanitarios/seguridad/2015/NI-PS_15-2015-glucomen-lx.htm

luns, 12 de outubro de 2015

Transdiabete 2015

O domingo 11 de outubro a Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA) colaborou na organización nacional da Transdiabetes, unha andaina de relevos non competitiva que se vai levar a cabo en diferentes lugares de toda España. A nosa participación consistiu nunha camiñata polo último tramo do Camiño de Santiago Portugués.
A Transdiabetes leva un aro azul por todos os seus percorridos organizados ao longo de toda España coa meta de chegar o 14 novembro a Madrid ou á localidade onde se celebre o acto central do Día Mundial da Diabetes. No tramo que organizou Anedia o aro saiu de Padrón ás 9.00 horas e chegou ás 17.00 horas á praza do Obradoiro.
A actividade tivo unha duración aproximada de nove horas e estaba pensada para todos os públicos, de modo que se facilitou aos participantes que se incorporasen no punto do percorrido que desexasen ou que máis se adaptase ás súas necesidades ou condición física. Houbo múltiples paradas e contaou co asesoramento de Diego Castro, deportista pontevedrés con diabetes dende neno.
A partir das 15.00 horas tivo lugar unha comida de convivencia na Cidade da Cultura na que participaron as persoas que fixeron o percorrido organizado por Anedia e outras que chegaron dende as demais provincias galegas con actividades similares. Ao remate,realizamos xuntos o último tramo do percorrido ata a praza do Obradoiro. 



A participación de Anedia enmarcase no noso programa de actividades para a sensibilización e concienciación social en relación coa diabetes en idade infantil.
Os obxectivos da andaina era prestar apoio a outras persoas con diabetes, promover estilos de vida saudables que teñan un impacto favorable sobre a evolución e o prognóstico da diabetes, saír do illamento persoal e mediático e promover a cooperación social sobre a enfermidade.

Máis información en:

http://www.stadiosport.es/articulo/atletismo1/andaina-relevos-nivel-estatal-transdiabetes-tera-tramo-galego-da-man-anedia/20151005024407044775.html

http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2015/10/12/bueu-suma-transdiabetes/1330191.html

Telediario do 11 de outubro. http://www.crtvg.es/informativos/unha-marcha-pola-diabetes-demanda-recursos-e-formacion-1500361

Entrevista na Localia Vigo con Diego Castro. https://www.youtube.com/watch?v=JDeU7gvOQGs&list=PLGXwb0FNyA2yXUyyszGk-0RjDb5xIfKfL&sns=fb

http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2015/10/06/carrera-estatal-relevos-transdiabetes-tendra/1326592.html

Entrevista a Diego Castro en Convivir en Igualdade. http://www.crtvg.es/rg/a-carta/convivir-en-igualdade-convivir-en-igualdade-do-dia-06-10-2015-1487089

mércores, 23 de setembro de 2015

Transdiabetes. O Camiño Portugués

Transdiabetes - Camiño Portugués

               A Transdiabetes é unha andaina de relevos non competitiva, levando un aro azul, representativo da diabetes en todo o mundo que se vai levar a cabo en diferentes lugares de toda España. Cito o exposto no dossier elaborado por Anna Skette mencionando os obxectivos da camiñada :


Obxectivos :
- Prestar apoio a outras persoas con diabetes
- Promover estilos de vida saudables que teñen un impacto favorable sobre a evolución e no prognóstico da diabetes.
-  Saír do illamento persoal e mediático.
- Promoción da cooperación social sobre a diabetes .

               A data para a camiña galega foi proposta o 11 de outubro pola mañá, onde pretendemos fusionar todos as saídas das catro provincias en Santiago de Compostela. A través Anedia en colaboración con calquera persoa ou entidade que queira unirse á marcha, presentamos o noso guión e consellos para domingo 11 de outubro :
               -Cada un dos participantes pode ir coa súa camisa, ou roupa de rúa, preferentemente de cor azul; pero o obxectivo deste proxecto é amosar unidade, de xeito que o logotipo amosado será unicamente o oficial. Na proposta de incluír dorsal (que se repartirán na chegada á cidade da cultura), poríase unha numeración e referencia á cidade de partida, no noso caso será Pontevedra. O dorsal sería adhesivo, aínda que é recomendable utilizar alfinetes de seguridade, e o seu prezo - a cubrir polos participantes, non máis que 50 céntimos. Orzamento solicitado na web: www.tododorsales.com
 
               -A saída está prevista dende Padrón (a 26 km da cidade de cultura) ás 9:00. Aínda que é posible facelo desde A Escravitude (a 20 km de cidade de cultura) ás 10:00 ou en Milladoiro (Agro dous Monteiros a 8 km) ás 12:00 aproximadamente. Ou tamén poden incorporarse xa na Cidade da Cultura.
 
               -A ruta será desviada ao chegar a Conxo, cercando Santiago de Compostela, para chegar ao punto de encontro e xantar na Cidade da Cultura aproximadamente 13:30 - 14: 00.
               -Vaise facer unha pausa na ruta despois de 3 horas de percorrido, en  Milladoiro (Agro dous Monteiros) de 30 minutos para recuperar a forza e xestionar con máis enerxía a última parte do camiño, do que restan 8 km.
 
               -Aínda que se pretende camiñar 6 km por hora, temos a intención de adaptarnos e descansar polo ben do grupo e cando sexa necesario.
 
               -Imos ser intelixente, se vemos un esforzo excesivo andar 26 km, é mellor incorporarse aos 20 km ou mesmo aos 8 para non atrasar o grupo, ou xa na cidade da cultura para o xantar. Unha das ideas xerais das transdiabetes é promover a actividade física entre as persoas con diabetes, pero sexamos conscientes das limitacións de cada un de nós e das nosas familias para afrontar unha distancia tan longa para os que non están afeitos.
 
               -Obrigatorio levar auga suficiente e / ou bebida deportiva e a contribución de carbohidratos de absorción lenta, téñase ou non diabetes. Anedia aconsella levar medio litro de isotónico, un litro de auga (unha botella de auga re utilizable), e xantar lixeiro (bocadillos de pavo ou varias barras enerxéticas e xeles) para non decaer durante a marcha. Zapatos axeitados e confortables (botas de sendeirismo suela branda é ideal), roupa respirable e impermeable, sombreiro e protector solar, dependendo do clima. Ademais, é aconsellable levar tamén unha camiseta de reposición.
 
               -Ademais, ás 14:00 está previsto o xantar na cidade de cultura, polo que é aconsellable tamén levar uns bocadillos maiores e, como un consello, un saco de noces e/ou outros froitos secos (pasas, dátiles, etc.).
 
               -Unha vez feita a primeira toma de contacto cos outros participantes de Galicia, vanse distribuír os dorsais identificativos idénticos para dar maior visibilidade á marcha co logotipo oficial da Transdiabetes .
 
               -Na cidade de cultura comeremos todos xuntos. Escolleuse este lugar para xantar xa que é un gran espazo onde hai baños, un bar e unha superficie cuberta onde se pode refuxiar de ser necesario.
 
               -Concertáronse visitas guiadas gratuítas pola cidade de cultura.
 
               -Finalmente, pola tarde, baixaremos todos en dirección á Praza do Obradoiro para a foto final colectiva que se difundirá nas redes sociais  e xornais.
 
 

Calquera dúbida sobre o proxecto ou o seu desenvolvemento na provincia de Pontevedra, estaremos á súa enteira disposición no teléfono 660 928 050 ( Diego Castro, vogal de deportes Asociación de nenos e nenas con diabetes de Galicia, ANEDIA).

xoves, 3 de setembro de 2015

Actividade 19 de setembro de 2015

A Xunta Directiva de ASSEII está organizando coa Federación Galega de Piragüismo e o Club de Piragüismo de Verducido UN DÍA EN FAMILIA PARA TODOS/AS. 

Esta actividade vai dirixida a todos os socios da citada asociación e a todos os socios de ANEDIA (aos que moi cordialmente invitan) e terá lugar o día 19 de setembro, sábado, dende as 11:00 ata as 20:00.

O lugar é o Pontillón do Castro en Verducido (Pontevedra) e o programa inclúe as seguintes peculiaridades:

1.- Un pequeno roteiro na contorna do Pontillón do Castro.

2.- Divertirse en familia mediante a navegación polo encoro do
 Pontillón do Castro coas piragüas autovaciables, cos seus chalecos e remos do clube de piragüismo que nos ceden gratuitamente o material e poñen á nosa disposición o seu persoal.

3.- Actividade de animación na que c
ontaremos coa colaboración altruísta de dous Directores e Monitores de Tempo libre da Escola Paspallás.

Algúns aspectos que debemos ter en conta:

1.- Para que a actividade se desenvolva do mellor xeito posible a Federación Galega de Piragüismo pon á nosa disposición de forma desinteresada para os participantes as súas instalacións, con aseos e duchas.

2.- Se estás interesado/a en participar nesta iniciativa debes confirmar a túa asistencia antes do luns 14 de setembro a anediagalicia@gmail.com odigestivo.pontevedra@gmail.com, o motivo desta confirmación é facilitar ás entidades e persoas que colaboran altruistamente un número de asistentas coas que poden contar para o desenvolvemento da actividade ( indicando nome e apelidos das persoas, idades e telefono de contacto).

3.- Número de prazas 100

4.- As familias ou interesados/as que veñan a pasar o día no Pontillón do Castro, terán que traer a súa comida e merenda, pois cada un coñece mellor as súas necesidades alimenticias.

5.- Cóntase con zona para aparcar.

6.- Para as persoas que non saiban nadar, dicirvos que hai chalecos salvavidas e monitores para reforzar a actividade de piragüismo.

7.- Ademais aconsellámosvos que traiades calzado pechado para a auga. Imprescindible traxe de baño, roupa para cambiarse, toalla, gorra, crema protectora e ganas de pasalo ben!! (ou levar a maiores a roupa que consideres necesaria para a túa comodidade).

8.- En caso de chuvia manterase a actividade cun 
plan B, con xogos e cancións.


9.- Contamos dende a asociación cun seguro de responsabilidade civil para estas actividades.

10.-Notificarvos que estamos á espera de que o Club de Montañeiros nos confirme a súa colaboración nesta iniciativa.

Dende ASSEI agardan que esta iniciativa sexa do noso agrado xa que facer un despregamento de medios humanos e materiais de forma altruísta é un esforzo que se verá gratificado coa nosa participación.

venres, 31 de xullo de 2015

Charla-coloquio agullas de insulina

Podedes seguir vía streaming a nosa charla coloquio sobre as agullas de insulina na seguinte url:
vaughnlive.tv/casazul
Se queredes facer algunha pregunta durante a emisión dirixidevos ao noso enderezo electrónico anediagalicia@gmail.com e responderémosvos en directo.
Moitas grazas por seguirnos e agardamos a vosa participación


xoves, 30 de xullo de 2015

Charla-coloquio sobre as agullas de insulina



A asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia (ANEDIA), en colaboración coa Casa Azul, realizará mañá, venres 31 de xullo de 2015 ás 12:00 na Sala Valdecorvos da Casa Azul, unha charla coloquio sobre as agullas de insulina na que se abordarán as súas características, o uso correcto e realidades e mitos sobre as mesmas.
A charla está dirixida á poboación que padece diabete (tipo I ou tipo II) e precisa inxeccións diarias de insulina, tanto aos propios insulinodopendentes como aos seus coidadores directos. Terá unha duración aproximada de 50 minutos e, para todos aqueles que non poidan asistir, será retransmitida vía streaming, grazas á colaboración do persoal da Casa Azul, a través do blog da asociación e de redes sociais.
A través desta acción formativa, Anedia pretende dotar á poboación con diabete e aos seus coidadores dos coñecementos necesarios sobre as características técnicas das agullas de insulina, incidir na importancia do uso correcto das mesmas, expor unha explicación detallada dos distintos tipos de agullas existentes no mercado e os mitos e realidades existentes sobre as mesmas.
Un dos obxectivos fundamentais da actividade é concienciar de que as agullas de insulina, como dispositivo médico indispensable na diabete, se utilicen unha soa vez, debido a que a reutilización afecta ao control do tratamento e representa un risco importante.
A actividade correrá a cargo de tres poñentes: Diego Rey, responsable da empresa dispensadora de agullas de insulina do Sistema Galego de Saúde (Sergas) e coñecedor da realidade actual do concurso de agullas autonómico; Mar Fontán, paciente experta en diabete do Serga; e Ana Isabel Pérez, presidenta de Anedia.
Os obxectivos desta charla-coloquio son compartir impresións e opinións sobre a calidade das agullas, o posible dano na inxección, a estabilidade das mesmas ou a súa rixidez; xa que unha agulla inapropiada pode ocasionar dor, producir hematomas ou incluso alterar a correcta absorción desta hormona (imprescindible para os pacientes con diabete); e isto tendo sempre en conta e como premisa indispensable que as agullas de insulina non se deben reutilizar (atendendo a que unha persoa con diabete se pincha moitas veces ao día e xa é bastante duro ter unha enfermidade na que todo funciona a base de pinchazos, como para ter que facelo con máis molestias das necesiarias).
Se querede ir lendo máis información sobre as agullas de insulina podedes visitar as seguintes páxinas: